Tuesday 17 de September de 2024

O Concello de Neda licita por case 30.000 euros a renovación de mobiliario da biblioteca municipal


O Concello de Neda vén de licitar o subministro e instalación de novo equipamento para a biblioteca e o arquivo municipais. A renovación busca facilitar o acceso e garantir unha axeitada conservación dos fondos bibliográficos, contribuíndo ademais a actualizar a imaxe da sala de lectura.

A administración local investirá un máximo de 29.991 euros nesta intervención urxente, que estará cofinanciada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, no marco das axudas para a mellora das instalacións e locais utilizados para a realización de actividades culturais.

En total, mercaranse nada menos que 67 librarías para a biblioteca- o paso do tempo fixo que parte do mobiliario se estragara- e para o arquivo municipal. Ademais mercaranse un par de mesas e diverso equipamento informático (catro ordenadores portátiles), para a realización de tarefas administrativas do persoal e para consultas por parte das persoas usuarias da Casa da Cultura.
As firmas interesadas en facerse co contrato de subministro teñen ata o 24 de agosto para consultar os pregos no Perfil de contratante do Concello e para presentar as súas ofertas.

A biblioteca municipal, fundada no ano 1982, é un dos servizos centrais que oferta a Casa da Cultura de Neda, e vén gañando peso nos últimos meses como espazo de encontro, grazas á programación de actividades de dinamización infantil e á recuperación de iniciativas como o seu club de lectura.